Carta aberta de Francisco Piñeiro González, escritor, director e actor do Grupo de Teatro “O Bordelo” de Cervo-Lugo
DENOMINACIÓN DE ORIXE: Domingos a Escena
Caranza, Ferrol.
Nos tempos que corren, moito é de agradecer que aínda existan e resistan esforzados teatrocultores dispostos a dedicar, de forma altruísta e desinteresada, incontables horas das súas vidas á crianza, conservación e divulgación do único licor artístico capaz de transformar a cruda realidade da vida cotiá noutra virtual máis xusta, agradable e levadeira con só percibir o arrecendo do seu espírito, chamado teatro.
Entenderá ó lector que a adquisición de tal capacidade de diferenciación sensorial supón un grande sacrificio e aprendizaxe pois incluso D. Álvaro Cunqueiro, famoso dramaturgo e catador de pócimas e beberaxes, advirtía que habendo dúas mazás , unha real e outra imaxinaria, a dificultade non estaba en distinguilas senón en saber cal das dúas desprendía mellor aroma.
O teatro é planta celmosa que medra por entre os sentires da xente. Existen tantas especies diferentes como procederes pero sen dúbida a Oportuna ocasionalis ,coñecida vulgarmente como herba do arrime ou falsa querencia, posúe tal adaptación ás conveniencias que de non haber quen a desmeste podería chegar a ser endémica. Pola contra a Estima incondicionalis, moito máis escasa e delicada nace vestida de verde esperanza , enraíza e medra bebendo púcaros de morna amizade, ambrosía dos amigos sinceiros que falan con feitos, calando as palabras.
A pesares da miña dilatada experiencia de máis de vinte anos semeando e cultivando teatro direilles, en confianza, o abraiado que quedei ó descubrír o meritorio santuario teatral de Caranza onde o público : nenos, mozos e vellos, acadou a habelencia e sabedoría de saber aprezar e distinguir os aromas da Estima incondiconalis , herba verdadeira e soñadora da que se alimentou dende sempre ó teatro verdadeiro e a entrecoller aquelas herbas enguedellentas que lle son perxudiciais Créanme; todo canto lles conto é certo. Quen llo dixera a Cunqueiro!
Nos adentros do Centro Cívico de Caranza, en Ferrol, levan doce anos, en silenzo e con paciencia, apoiando o esforzo dos teatreiros da maior parte de Galicia para que non decaian nin abandoen o cultivo das súas propias cepas escénicas, mananciais autóctonos das expresións e sentires da alma dos pobos. Sen desmaio, ano tras ano, desde a caída das follas ata o sorriso das flores, tódolos domingos ás sete da tarde, tal fose un ritual relixioso, o prior Yuyi Bastida arroupado dos seus incondicionais acólitos invocan e convocan ó público de Ferrolterra que armado de calurosos aplausos acode presto e disposto a escorrentar calquera praga ou ameaza enviadas pola historia para apedrar o celmoso froito ofrecido sobor das táboas do escenario.
Ano tras ano, destilaron pinga a pinga , sen desmaio, o prestixio do teatro afeccionado, acadaron o respecto das distintas administracións que no transcorrer dos tempos apostaron e apoiaron ó certame teatral , conseguiron a admiración dos grupos participantes, razóns máis que suficientes para que o evento perdure nos vindeiros tempos , sen discusións nin miramentos.
Na confianza de que tal desexo sexa certo, dende A Mariña luguesa, norde da terra galega , este humilde amante do teatro , brinda cun aroma Caranza de doce anos ó tempo que pide para os Domingos a escena unha sentida homenaxe no que o teatro afeccionado lle outorgue e conceda a ben merecida denominación de orixe.
Francisco Piñeiro González.
1 comentario:
Gracias Paco, unas palabras hermosas y que animan a otro año, Apertas.....
Publicar un comentario