Domingos a Escena 2012

Carta aberta de Francisco Piñeiro González, escritor, director e actor do Grupo de Teatro “O Bordelo”  de Cervo-Lugo

DENOMINACIÓN DE ORIXE: Domingos a  Escena
                                                                                            Caranza, Ferrol.
                                                                                            
        Nos tempos que corren,  moito é de agradecer que aínda existan e resistan esforzados teatrocultores  dispostos a  dedicar, de forma altruísta e desinteresada, incontables horas das súas vidas  á crianza,  conservación  e  divulgación  do único licor artístico capaz de transformar  a cruda  realidade  da vida cotiá noutra virtual   máis xusta, agradable e levadeira con só percibir o arrecendo do seu espírito, chamado teatro.
       Entenderá  ó lector  que a adquisición  de   tal capacidade de diferenciación  sensorial  supón un grande  sacrificio e aprendizaxe  pois incluso D. Álvaro Cunqueiro,  famoso  dramaturgo e  catador  de pócimas e  beberaxes,   advirtía que habendo dúas mazás , unha  real e outra imaxinaria, a dificultade non  estaba en distinguilas senón en saber cal das dúas desprendía mellor aroma.
        O teatro é planta celmosa que medra por entre os sentires da xente. Existen tantas  especies  diferentes como procederes  pero sen dúbida a  Oportuna ocasionalis ,coñecida vulgarmente como herba do arrime ou falsa querencia, posúe tal adaptación ás conveniencias  que de non haber quen a desmeste  podería chegar a ser endémica. Pola contra  a  Estima incondicionalis, moito máis escasa e delicada  nace vestida de  verde  esperanza , enraíza e medra  bebendo púcaros de morna amizade, ambrosía dos amigos sinceiros que falan con feitos, calando as palabras.
               A pesares da miña  dilatada experiencia de máis de vinte anos semeando e cultivando  teatro direilles, en confianza,  o  abraiado    que quedei  ó descubrír  o meritorio santuario teatral de Caranza onde  o público : nenos, mozos e vellos,  acadou a habelencia e sabedoría  de saber aprezar e distinguir  os  aromas  da Estima incondiconalis , herba  verdadeira e soñadora  da que se alimentou dende sempre ó teatro verdadeiro  e a entrecoller aquelas herbas enguedellentas que lle son perxudiciais Créanme; todo canto lles conto é certo.  Quen llo dixera a Cunqueiro!
       Nos adentros do Centro Cívico de Caranza, en Ferrol, levan doce anos, en silenzo e con paciencia, apoiando o esforzo dos teatreiros da maior parte de  Galicia para que non decaian nin abandoen o cultivo  das súas propias cepas escénicas, mananciais autóctonos das expresións e sentires da alma dos pobos. Sen desmaio, ano tras ano, desde a caída das follas ata o sorriso das flores, tódolos domingos ás sete da tarde, tal fose un ritual relixioso, o prior Yuyi Bastida arroupado dos seus incondicionais acólitos  invocan e convocan ó público de Ferrolterra que  armado de calurosos  aplausos acode presto e disposto a escorrentar calquera praga ou ameaza enviadas pola historia  para apedrar o   celmoso froito ofrecido sobor das táboas do escenario.
        Ano tras ano, destilaron pinga a pinga , sen desmaio, o prestixio do teatro afeccionado,  acadaron o respecto das distintas administracións que no transcorrer dos tempos  apostaron e  apoiaron   ó certame teatral , conseguiron a admiración dos grupos participantes, razóns  máis que suficientes  para  que o evento perdure nos vindeiros tempos  , sen discusións nin miramentos. 
     Na confianza  de que tal desexo sexa certo, dende A Mariña luguesa, norde  da  terra galega , este humilde amante do teatro ,  brinda cun  aroma Caranza  de  doce anos  ó tempo que  pide  para os Domingos a escena unha sentida homenaxe  no que o teatro afeccionado  lle outorgue e  conceda a   ben merecida denominación de orixe.
  
                                       Francisco Piñeiro González.

1 comentario:

EFerrol dixo...

Gracias Paco, unas palabras hermosas y que animan a otro año, Apertas.....