Compañia:
"Teatro de Camara Ditea" (Santiago)
Obra:
“Aqui cheira a morto”
Autor: A. Paso, (adaptacion)
Direccion: Xan Casas
.
Sinopse: Din os que saben de estas cousas, que as veces o vedadeiramente complicado non é asasinar, senón demostrar que non tes cometido o asasinato. As veces, a vida colócanos fronte a situacións nas que é moito mais difícil demostrar a absoluta inocencia, do que ter cometido a falcatruada. Algo que pode resultar francamente cómico. Dende este punto de vista, “Aquí cheira a morto”, podería ser unha comedia policiaca tomada a coña, na que conviven: criminais, sospeitosos, policía e vítima. Se todos eles conseguen arrincarlles un sorriso, nos dariamos por ben pagos e satisfeitos.
2 comentarios:
TEATRO DE CÁMARA DITEA
DIRECCIÓN E PERSOA DE CONTACTO:
Teatro de Cámara DITEA - Rua do Pombal, 17 –baixo - 15705 Santiago (A Coruña) - teatroditea@yahoo.es - Alberto Álvarez: 626656630
HISTORIAL DO GRUPO:
Ó remate dos anos cincuenta, trala desaparición dos “Teus”, a vida teatral en Santiago, outrora vizosa, esmorecía por falla de compañías teatrais. Con mentes de romper con aquela atonía e dasazo, xorde DITEA (Difusión de Teatro), grupo de cámara fundado no ano 1960 por un fato de afeccionados de diversas procedencias e vencellados por unha arela común: o Teatro. Estudiantes, obreiros, empregados e outras persoas de profesións liberais, xente de disterantes ideoloxías e sentires, traballaban xuntos partindo da concepción de que o fenómeno teatral debe ser un vehículo de cultura para quen o practica mesmo que para quen o presencia. Outra premisa é a de levar o teatro ó pobo, entendendo por pobo toda persoa sen asignación a clase ou estamento determinado.
Conta-la longa historia de DITEA e as miudezas das súas intensas e xamais interrompidas actividades, cun balance de numerosas montaxes, non é tarefa doada. Porén deixamos constancia aquí de todo o seu enchido labor nun curto e superficial resumo.
No cronicón das súas realizacións, non sempre respetaremo-la orde cronolóxica, senón que, ás veces, conxuntarémo-los temas e xeiras atendendo ás súas montaxes, nas que subsiste, sen dúbida ninguna, un predeterminado eclecticismo.
Naquel ano de 1960, constituída a comisión xestora por Xosé María Paz Sueiro, Xesús Reboredo Rey, Luís Rodríguez Míguez, Manuel Valiño Segade, Xosé Vaamonde Caneda e Agustín Magán Blanco (este como director de escena), comezan na “Casa da Parra” os ensaios de ¡Milagro! , de Nicolás Nazzari, obra de tese relixiosa encol da milagreiría e da súa proxección popular. Estréase o 16 de decembro de 1960 no Teatro Principal de Santiago.
A XEIRA DOS AUTOS SACRAMENTAIS
Aprobádo-los estatutos da Asociación no mes de xuño, faise cargo da presidencia de DITEA o alcalde Porto Anido. Por falta de medios económicos na etapa inicial, cada directivo aporta unha silla para a sala de ensaios.
Os santiagueses, espectadores habituais de grandes escenificacións no marco das monumentais prazas da súa cidade, amosaron o desexo de que o novo grupo escénico tentara restaura-la vella usanza dos autos sacramentais. DITEA recolle a suxerencia e, tendo en conta os valores estéticos deste xénero, das grandes abstraccións simbólicas cara a un público popular, asume a empresa de exhumar estas senlleiras pezas sacro-dramáticas cadrando coas celebracións do Corpus e as festas do Apóstolo Santiago.
Como primeira realización deste propósito, DITEA estrea na noite do 2 de xuño de 1961, nas escaleiras da Quintana “El hospital de los locos”auto sacramental de José de Valdivieso, con decorados do escultor Castor Lata e a colaboración da Coral da Catedral, dirixida por Santomil e o ballet do Instituto Rosalía de Castro, que adestra Carmen Pardo.
No seguinte ano 1962, tamén na noite do Corpus , DITEA presenta “El pleito matrimonial del cuerpo y el alma”, de Calderón de la Barca. Os decorados de Castor Lata enchían as escalinatas da Quintana. Participaran nesta espectacular función perto de cen cantores que formaban os coros da “vida” e da “morte”, interpretando música orixinal do mestre de capela da Catedral, Joaquín Broto, baixo a dirección de Mercedes López Ramón e de Antonio Santomil, respectivamente. Dedicouse unha das representacións deste auto ós compoñentes de “Música en Compostela”, moitos deles estranxeiros, a quen se lles facilitou a traducción da “loa” composta polo profesor Rabanal, por medio dun folleto editado en francés, inglés, alemán e xaponés.
Consecuentes co compromiso contraído, DITEA volta de novo ás táboas co seu teatro teolóxico, esta vez na vedraña praza do Campo (hoxe de Cervantes). Nesta “corrala” granítica xacobea é representado o auto “La siega”, de Lope de Vega, con decorados corpóreos pintados por Antonio Moragón, que cubren toda a superficie do frontispicio da igrexa de San Bieito do Campo. Cómpre salienta-la representación que deste auto se fixo en Mondoñedo, coa catedral como fondo e perante uns 6.000 espectadores, co gallo da celebración do V Congreso Eucarístico.
O recoleto claustro de San Domingos de Bonaval foi escenario natural da cuarta montaxe desta connotación dramática de DITEA. “La Gran Casa de Austria”, de Agustín Moreto, represéntase alí na noite de Corpus de 1964.
A quinta exhumación ten lugar o 9 de xuño do 66, na Quintana, coa representación do auto “Pedro Telonario”, de Mira de Amescua. O mesmo que aconteceu no Século de Ouro, nótase un devalo no contido poético e no esplendor das súas montaxes, ó seren textos de autores que, anque discípulos, non acadaran a perfección dos grandes mestres deste peculiar xénero da Literatura Española.
Quizáis por iso, DITEA recorre de novo a Lope de Vega e estrea, o 25 de maio de 1967, tamén na Quintana, unha das obras máis fermosas do xenial clásico: “El pastor lobo y cabaña celestial”.
Pecha esta xeira dos autos sacramentais a obra cume de Calderón de la Barca: “El gran Teatro del Mundo”, que se representa na Quintana a noite do 13 de xuño do 68, con decorados de Celso López Octavio.
MOSAICO
Ó longo dos anos citados e alternando con estas motaxes de teatro clásico, DITEA pon en pé outras catorce da máis diversa temática: pezas de autores de vangarda, comedias de divertimento e obras de teatro comprometido.
O día 5 de decembro de 1961, sobe ó escenario do Teatro Principal de Santiago a obra “Comedia para asesinos”, do autor chileno James Endhard, con decorados de José Morón. Peza de intriga policíaca con ribetes psicolóxicos, non tiña outra fin que o de entreter.
Seguirán, en troques, tres obras de teatro comprometido: “En la red”, de Alfonso Sastre, “Deja que los perros ladren”, de Sergio Vodanovic e “La razón del poder o el Dictador”, de Manuel de Heredia.
Na obra realista “En la red”, estreada no teatro Principal de Santiago o 4 de decembro do 62, Sastre denuncia os métodos represivos e a tortura empregadas polas autoridades francesas no desarmamento do movemento independentista de Arxelia.
“Deja que los perros ladren” , do chileno Vodanovic, representouse o 27 de marzo de 1963, na sala do Hostal dos Reis Católicos. O autor tenta evidencia-la corrupción que, en moitos casos, leva aparellada a función do poder e o interese persoal dos políticos. Como limiar, dictara unha conferencia o profesor José Antonio Henríquez, encol da “significación do Día Mundial do Teatro”
“La razón del poder o el Dictador”, de Manuel de Heredia, é un drama introvertido de áspera crítica contra “a caudillaxe” nos estados totalitarios. Foi interpretada por Juan Francisco Ibáñez e estreada no Hostal dos RR.CC. o día 2 de febreiro de 1964, co gallo do Día Mundial do Teatro. A escenografía, de feitura vangardista, realizáraa Antonio Moragón. Despois recitáranse versos de Ramón Cué, Xacobo Rey, Manuel Remuñán, Alfredo Llecha, Miguel Pola, Arcadio Casanova, Antonio Moragón, Aquilino Iglesia, Salvador García Bodaño, Isidro Conde, Fermín Bouza e Manuel Rabanal. Recitaran Mariluz Villar, Elsa Ventosa, Xaquín Lens, Xosé Luís Cochón, Xurxo Cuña e Rafael Lugo.
A estas tres pezas seguirán catro espectaculares montaxes de variados pretextos escénicos: “La danza de la Muerte”, refundición de Agustín Magán, sobre un anónimo do século XIV e textos medievais, con música do mestre Joaquín Broto. Foi representada no Teatro Principal de Santiago o día 12 de febreiro de 1965, coa intervención da Banda Municipal de Música de Santiago. DITEA intervén con esta obra no programa de Festivales de España, no que ademais participaron a Compañía Nacional de Cámara e Ensayo, a Compañía Lope de Vega e a Companhia Nacional de Teatro Portugués.
Na noite do Apóstolo do Ano Santo de 1965, é representada nas escaleiras da Quintana “El muerto a caballo”, de Henri Ghëon, lenda de peregrinos en versión de José Guerra Campos e Juan Pérez Millán, con decorados de Antonio Moragón.
DITEA aporta todo o seu numeroso elenco para cubri-lo reparto de intérpretes das XUSTAS MEDIEVAIS celebradas na Praza do Obradoiro durante as festas patronais dese ano xubilar. Tiveron sobranceira actuación Xosé Rey, no papel de Rei Fernando de Castela e León, e Ezequiel Méndez como Mestre de Cerimonias. A luminotecnia, o son e o equipo ecuestre dos cabaleiros combatentes nos torneos, estiveran a cargo da productora norteamericana que filmou a película EL CID, rodada meses antes en España. A figuración das mesnadas fixéranna soldados da garnición de Santiago.
A terceira destas grandes montaxes foi a de “Entre bobos anda el juego”, de Francisco de Rojas, que se estrea no Teatro Principal de Santiago o 4 de febreiro de 1966, con ilustracións musicais de Xosé San Luís e texto limiar de Benito Varela Jácome. DITEA participa con esta obra, por escolma, no Certame Nacional de Teatro celebrado no Teatro Infanta Beatriz, de Madrid, o día 27 deste mesmo ano, e no II Certame de Teatro da Coruña, o 21 de agosto, no que Mariluz Villar acada o premio “Hércules de Plata” á mellor actriz.
“Lutero”, de John Osborne, en versión de Xesús Reboredo e Agustín Magán, é a cuarta e derradeira destas espectaculares montaxes, que se representa o día 29 de xaneiro de 1967, na Capela do Hostal dos Reis Católicos. O retablo da capela serve de decoración. Presenta Jesús Precedo Lafuente.
Dentro desta variopinta programación, DITEA presenta outra serie de obras que, pola súa inusual temática, non teñen doado encadre en ningún dos apartados aquí contemplados. Tales son:
“Donde está la señal de la cruz”, de O´Neill, estreada o 27 de marzo de 1967 no salón amarelo da Delegación de Información e Turismo, baixo a dirección de Enrique Moreno, trala conferencia dictada por Gonzalo Anaya co título de “Reflexiones sobre la vanguardia teatral”.
“Oración”, de Fernando Arrabal, posta en escena no citado salón amarelo o día 30 dese marzo, e interpretada por Mariluz Villar e José Domingo Castaño.
“Historia del zoo”, de Edward Albee, representada no devandito salón, en conmemoración do IX Día Mundial do Teatro, o 2 de abril, tendo por intérpretes a Jaime de Molina e Xosé Manuel Sande, pecha esta serie de montaxes.
Ademais das pezas reseñadas, son merecentes da figurar neste mosaico as representacións conmemorativas de autores emblemáticos das dramaturxias española e italiana, que acadaron sona mundial:
O 11 de novembro de 1966, centenario do nacemento de CARLOS ARNICHES, creador da “traxedia grotesca”, ponse en escena, no teatro Principal unha das súas comedias cómicas: a titulada, “La locura de Don Juan”. Realizará os decorados José Morón.
Tamén se conmemora o centenario de LUIGI PIRANDELLO, representando a súa máis sonada creación: “Seis personaxes en procura de autor”, e outra peza maxistral da súa autoría: “El hombre de la flor en la boca”. Funcións que tiveron lugar no salón amarelo os días 27 e 28 de xullo de 1967, respectivamente.
CICLOS FRANCÉS, ITALIANO E LATINOAMERICANO
Tiveron excelente acollida os ciclos de teatro francés, italiano e americano, nos que foran representadas nove obras sobre o escenario levantado por DITEA no salón amarelo de Información e Turismo, convertido en sede das súas actividades.
O ciclo de teatro francés que se desenvolveu entre os meses de novembro e decembro de 1967, enfeixaba obras de tres épocas da dramaturxía gala: “El casamiento a la fuerza”, de Molière, dirixida por Octavio Malumbres; “Asia”, de Henri Lenormand, que dirixíu Eulogio Ruibal e “L`echappe belle”, de Garcin e Bouteille, baixo a dirección de Serafín Moralejo.
Constituirán o ciclo de teatro italiano outras tres obras, representativas das tres diferentes etapas históricas: “Arlequín, servidor de dos amos”, de Goldoni, con dirección de Agustín Magán; “El imbécil”, de Luigi Pirandello, dirixida por Xoán Getal e “Sigfrido en Stalingrado”, de Luigi Candoni, posta en escena por Magán.
Verbo do ciclo de teatro americano, ofrecéranse: “Milagro en el mercado viejo”, do arxentino Oswaldo Dragún, representada o 21 de novembro de 1969; “Réquiem por un girasol” do chileno Jorge Díaz, esta dirixida por Gestal e representada o 3 de decembro de dito ano, e “!Silencio, pollos peleones que ya les van a echar el máiz”, do mexicano Emilio Carballido.
“LA MOJIGANGA” E “LA CARRETA”
Ó longo do ano 68 e principios do 69, DITEA organiza dúas compañías itinerantes, coas que se integra en FESTIVALES DE ESPAÑA e EL CARRO DE LA ALEGRÍA. Denominaranse LA MOJIGANGA e LA CARRETA, respectivamente.
Estes subgrupos levarán a varias cidades de Galicia o seu taboado da farsa antiga, cun repertorio de teatro clásico popular, tales como “Cornudo y contento”, “La carátula”, “Las aceitunas” e “Rodrigo del Toro”, de Lope de Rueda ; “La guarda cuidadosa”, de Cervantes e “Farsa y justicia del Corregidor”, de Alejandro Casona. Logo engándense ó programa de LA CARRETA a comedia de arte titulada “Arlequín, servidor de dous amos”, de Carlo Goldoni, e varias pezas de mimo.
Con mentes de participar no certame convocado en 1970 polo Concello de Lugo, DITEA pon en pé a versión en castelán de “Morte e vida severina”, de Joao Cabral de Malo Neto, coa que acada os premios ó “mellor grupo”, á “mellor dirección” e á “mellor actriz”. O premio de dirección recae en Agustín Magán e o de interpretación en Mariluz Villar.
X ANIVERSARIO
Co gallo da celebración do seu X aniversario, DITEA organiza na sala de arte do Hostal dos Reis Católicos, un FESTIVAL DE TEATRO CONTEMPORÁNEO, no que participan as compañías TESPIS, da Coruña, con “Strep-tease” e “Alta mar”, de Slawomir Mrozek; LOS GOLIARDOS de Madrid, que representan a estrea absoluta da súa montaxe de “La boda de los pequeños burgueses”, de Bertolt Brecht; TEATRO POPULAR COPE, de Vigo, con “Proceso por la sombra de un burro”, de Dürrenmalt, e o grupo LA MÁSCARA de Xixón, co espectáculo de “Antígona 70”, de Brecht. Pechará o festival DITEA coa posta en escea da súa montaxe “¡Silencio, pollos peleones, que ya les van a echar su maiz!”, de Carballido.
Celebrárase tamén, no salón amarelo, un CICLO de CONFERENCIAS a cargo do profesor Ángel Rodríguez González, directivo de DITEA, co tema “EL TEATRO EN SANTIAGO”, Ricardo Domenech, profesor da Escuela de Arte Dramática de Madrid, que versou sobre TREINTA AÑOS DE TEATRO ESPAÑOL, e José Monleón, crítico teatral, que tratou sobre EL LENGUAJE TEATRAL CONTEMPORÁNEO.
Clausuraronse os actos conmemorativos do X aniversario de DITEA cun xantar de irmandade.
TEATRO DIFÍCIL
Chamado así polos moitos atrancos que atopaban os autores das novas xeracións para estrearen as súas obras. Deste teatro comprometido, DITEA montara “La puerta”, de Miguel Ángel Rellán, farsátira encol das relacións entre os homes, as súas miserias e os seus vicios espirituais. A estrea tivo lugar na Aula de Cultura de Caixa Galicia, o 2 de febreiro de 1972, con dirección de Mariluz Villar, “Tren a F...”, de José María Bellido, obra de profundo contido crítico sobre certas situacións inmobilistas, representada en dita Aula de Cultura o 12 de decembro de 1972. “Tiempo de 98” de José Antonio Castro, un estudio crítico a cerca de medio século de Historia de España, a través dos persoaxes básicos da denominada “xeración do 98”. Foi presentada no Auditorio de San Domingos de Bonaval o día 21 de xaneiro de 1974. “Retablo en tiempo presente”, de Antonio Martínez Ballesteros, espectáculo que enfeita catro obras curtas, subtitulado “cuatro excentricidades contemporáneas” con manifestas dotes de crítica social. A estrea verificouse no mencionado Auditorio o 11 de maio de 1975.
INICIO DE TEATRO GALEGO
Alternando con textos en castelán, DITEA inicia en 1970 a súa dedicación ó teatro en lingua galega, coa montaxe de “A comedia da oliña”, de Plauto, en versión do poeta da terra chá, Aquilino Iglesia Alvariño, que se estrea no Salón Amarelo o día 19 de maio dese ano, con interpretacións musicais de Basilio Carril.
Segue a esta montaxe inicial a da obra “Oratorio”, de Alfonso Jiménez Romero, en versión galega de Agustín Magán , que se estrea, con asistencia do autor do orixinal, no salón amarelo, o día 22 de maio de 1971. Este espectáculo obtivo o premio “Ó mellor grupo” do II Certame “Máscara de Oro”, celebrado en Lugo nese mesmo ano. Inserto na programación da II MOSTRA DE TEATRO de Ribadavia, CENSURA prohibe a súa representación.
“Cabalgada cara o mar”, de John M. Synge, ambientada na nosa Costa da Morte, en paralelismo co hábitat da costa irlandesa, expón con toda intensidade dramática, a traxedia permanente e sen remisión dos homes do mar. Estréase na Aula de Cultura o día das Letras Galegas de 1972.
O 14 de maio de 1974, sube ó taboado de San Domingos de Bonaval, a adaptación libre de Agustín Magán de “A barca do inferno”, sobre o texto orixinal de Gil Vicente, na que se introducen danzas e cantigas de “diaños” e “diabresas” que actúan a modo de coro. Con esta montaxe, DITEA participa na II MOSTRA DE TEATRO DE RIBADAVIA.
Estimulados polo éxito acadado coa versión en castelán, móntase de novo o poema escénico titulado “Morte e vida severina”, do brasileiro Joao Cabral de Melo Neto, esta vez en versión galega de Agustín Magán e con música orixinal do compositor carioca Chico Buarque de Hollanda, que interpretan as actrices e os coros, baixo a dirección musical de Antón Casal. Estréase na Aula de Cultura en maio de 1975. Tamén é representada dentro da III MOSTRA DE TEATRO DE RIBADAVIA. Caixa Galicia patrocina unha viaxe por varias poboacións de Galicia con esta obra.
O día 11 de decembro de 1975, ten lugar a estrea en San Domingos de Bonaval, do “Retábulo do Frautista”, de Jordi Teixidor. Farsa ironicamente crítica, con ilustracións musicais que recordan pasaxes de zarzuela, de music-hall e de cabaret, é un claro exemplo de teatro de raíz popular e de intencionalidade e proxección claramente social. Da música orixinal de Carles Berga, fixera Amador Santos Bartolomé unha transcrición para unha orquestra que actuaba en vivo baixo a dirección de Miguel de Santiago.
FINAL DE ETAPA
Aquí acaba unha primeira etapa da xa longa vida de DITEA, que non queremos pechar sen antes deixar constancia dun emocionado testemuño de agradecemento a cantos fixeron posible estes quince anos de esplendorosa historia:
A Ánxel Porto, Xosé Paz, e Manuel San Luís, na súa calidade de presidentes.
A Luis R. Míguez, Xosé Vaamonde, Francisco R. Gigirey, Manuel Valiño, Ánxel Rodríguez, Xosé Rey (tamén actor), Ramón Valiño (tamén actor), Adela Moldes (tamén actriz e atrecista), Xosé Carro e Xoán Saavedra, como directivos.
A Xesús Reboredo, Andrés Hernández, Abelardo Otero, Ánxel Montero, Evaristo Reboredo, Uxío Díaz, Manuel Lavandeira, Xesús Blanco, Emilio Pérez, Xoán Xesús Pérez, Xosé A. Silva, Ezequiel Méndez, Santiago Calvelo, Antón Costoya, Xosé Luis López, Celestino Martínez, Xoan F. Ibáñez, Baltasar I. Mareque, Mariano Martínez, Miguel Arias, Raimundo Abaga, Crisanto Sanmartín, Fernando Magán, Mauro Fernández, Xustino Bermúdez, BalbinoViña, Ánxel Viña, Benedicto García, Xulio G. Silva, Xosé D. Castaño, Manuel Fernández, Eduardo Puceiro, Fermín Bouza, Francisco Miramontes, Xosé Varela,
Xesús R. Carracedo, Diego Bernal, Ramón Moreira, Demetrio Pérez, Enrique Blanco, Antonio Meizoso, Xosé A. Otero, Manuel Vázquez, Xavier Selas, Guillermo Cedeira, Luís Ríos, José Rios, Xosé M. Carneiro, Antonio G. de Seárez, Xosé M. Sande, Xesús Gaviola, Manuel Alborés, Xosé I. Castaño, Manuel Amenedo, Martín Pérez, Xosé E. Santos, Luis Muíña, Xesús Pardo, Xosé A. Mato, Xaime de Medina, Francisco Cereijo, Xavier Laíño, Óscar Benítez, Emilio Cao, Antonio Nodar, Serxio Vázquez, Xosé A. De la Fuente (tamén escenógrafo), Manuel Rodríguez, Severo Cebeiro, Xoaquín G. Marcos, Xosé G. Marcos, Ánxel Lorenzo, Benito Rodríguez, Fernando Gutiérrez, Ramón Barreiro, Antón Lameiro, Xosé A. González, Xurxo Fernández, Manuel Vilariño, Imanol Elorrieta, Antón Casal (tamén músico), Manuel Casal, Xoán Luís Tarrío, Xoán M. Alves, Xosé Manuel Olveira (Pico), Alfonso Armada, Albarto Martínez, Luís Otero, Xosé M. Campos, Roberto Romero e Enrique Santamaría, todos eles actores.
María Luísa Rozas, Carmen Lavandeira, Maruxa Álvarez, Margarita Álvarez, Esperanza Varela, Cristina Fernández, Mercedes Lorenzo, Sita Formigo, Elsa Ventosa, Pilar Benito (tamén atrecista), Argentina Carril, Rosa G. Mahía, Mercedes Ignacio, Isabel Pérez, Marina Villar, Lina Mouriño, Clara García, Aurora Bernárdez, Teresa Rego, Carmen Sáenz, Sagrario Sánchez, Rosa Conca, Tina Añón, Malene Lasheras, Lourdes Fernández, Gloria Caneda, María J. Maquieira, Gloria Monteagudo, Nila Sexto, Lourdes Cortés, Nanina Santos, Mercedes F. Dans, Lucrecia Carril, Carmen Tarrío, Margarita Parris, Isabel Méndez, Anaí Garea, Elena Rodríguez, Lourdes Álvarez, Dolores Montero, Concepción Rodríguez, Matusa Tarrío, Victoria García, Maite Castaño, Pilar Lorenzo, Chiruca Tarrío, María José Lorenzo, Uxía Fernández, e Encarna Domínguez, (Tamén atrecista), na súa condición de actrices.
Agustín Magán, Enrique Moreno (tamén actor), Octavio Malumbres (tamén actor), Euloxio Ruibal, Serafín Moralejo, Xoan Xesús Gestal (tamén actor), e Mariluz Villar (tamén actriz) directores de escea.
Ricardo Outes, Ramón Fandiño, Antonio Malvido (tamén actor), Antonio Posse, Nicanor Gallego, Manuel F. Pensado e Mercedes González, que tiveron ó seu cargo o equipo técnico.
E a toda unha longa nómina de senlleiros literatos, de músicos, de integrantes de corais e de compoñentes de corpos de baile, que serían prolixo relacionar, pola súa valiosa e desinteresada colaboración.
NOVA XEIRA : TEATRO GALEGO
Por acordo unánime dos socios, DITEA vai adicar de hoxe en diante, atención exclusiva ó teatro en galego.
CICLO IRLANDÉS
Lembrando o éxito atinxido pola montaxe e representación da “Cabalgada cara ó mar”, de John M. Synge, da que xa dimos conta, os compoñentes do grupo amosan o seu interés polo teatro irlandés, tan próximo a nós pola súa contextura. E por iso son verquidas ó galego tres dos máis sobranceiros textos da terra irmá, para seren estreados en vindeiras datas.
“Rosas vermellas para min”, de Sean O´Casey, é un drama elexíaco de teatro realista, no que se amosa a situación política e social de Irlanda, a través das sanguiñentas loitas que no ano 1943 deran orixe a un enfrentamento do proletariado de Dublín e a burguesía irlandesa-británica. Puxéralle música o actor Antón Casal e tivera lugar a primeira representación o día 2 de setembro de 1976, no Auditorio de San Domingos de Bonaval.
“O país da saudade”, un fermoso folk-drama de W. B. Yeats, en versión dos irmáns Vilar Ponte e Plácido R. Castro, con música de Antón Casal, foi estreada no Auditorio de San Domingos o 17 de maio, de 1977, Día das Letras Galegas.
“A fontenla dos milagres”, de John M. Synge, baseada nunha lenda da Illa de Man, representouse no salón do Colexio da Salle, o día 19 de febreiro de 1979.
Voltando á orde cronolóxica, cómpre subliña-la estrea, con carácter absoluto, da obra “Almas mortas”, de Antón Vilar Ponte, que foi representada o Día das Letras Galegas do ano 1977. Verdadeira xoia do noso teatro autóctono, “Almas mortas”, é a peza máis representativa da creación dramática de Vilar Ponte, xa que nela se reflicte a súa personalidade de arestado loitador das liberdades, de inimigo declarado do caciquismo e da emigración, males que expón e combate en escenas mesturadas de sarcástico humor e dolorosa traxedia. Tamén se presentara nas mostras de Vigo e de Ribadavia.
Segue a montaxe de “A paz”, de Aristófanes, estreada no salón de la Salle o 19 de abril de 1978. Esta obra non só tenta divertir, senón tamén mostrar, con sentido crítico e desenfadado, a argallada das guerras, mentres existe unha tendencia idealista de acada-la paz. Tomara parte na VI mostra de Ribadavia e no Festival de Vigo.
RODA VIVA
Con este titular, preséntase un espectáculo formado con obras clásicas: “Os cornos do mestre Xoán Panxolas” e “Decamerón” de Boccaccio, e “O vello celeiras”, sobre un texto de “El viejo celoso”, de Cervantes. Represéntase na Quintana o 27 de xullo de 1979, dentro do programa das festas do Apóstolo, e na VII mostras de Teatro de Ribadavia.
AULA UNIVERSITARIA
Dentro da programación desta actividade académica, foron presentadas, en abril de 1980, as obras “O mariñeiro”, de Fernando Pessoa, “Drama estático a tres voces”, que contempla a posibilidade da existencia da NADA, e “O escolante”, de Nello Saito, farsátira que tenta poñer en solfa algunhas das estructuras nas que se move o ensino. Asiste a VII Mostra de Ribadavia e, representada en Lugo, en outubro de 1980, acada o 2º Premio do I Certame SAN FROILÁN.
DITEA : VINTE ANOS DE LABOR TEATRAL
Baixo esta denominación, foi instalada na Delagación de Cultura, unha EXPOSICIÓN conmemorativa do vixésimo aniversario da agrupación. Exhibíranse maquetas, pezas de vestiario e decorados, e unha ampla información gráfica das montaxes realizadas durante ese período.
Verbo de novas realizacións, o día 5 de decembro dese 1980, tivera lugar no salón de la Salle, a estrea de “Mesmo semellaban bruxas, retábulo de meigas e inquisidores”, co que Agustín Magán obtivera o PREMIO ATENEO FERROLÁN, e coa que DITEA acada o Primeiro Premio do II CERTAME “MÁSCARA DE OURO”, celebrado en Lugo, en maio de 1981.
Tamén se lle concede a DITEA o 1º Premio do III CERTAME DE TEATRO GALEGO, celebrado no mes de maio de 1982, no salón rexio do Círculo das Artes de Lugo, pola representación da obra “Alias Pedro Madruga”, peza histórica sobre as andainas de Pedro Álvarez de Soutomaior, de Agustín Magán, que fora mención especial de xurado do Premio Abrente.
A obra “O cerco”, “collage” integrada por “A persecución”, “Os viaxeiros da esperanza”, “O prestamista” e “A goma”, versións de catro pezas curtas da vangarda francesa é posta en escea en Lugo, o 18 de abril de 1993, dentro do CERTAME DE TEATRO GALEGO, resultando gañadora do 1º Premio desta competición artística. Co que DITEA acada por terceira vez dito galardón.
“Os viaxeiros da esperanza”, peza de profundo contido filosófico, é gravada e posteriormente emitida pola cadea galega de Televisión Española
Formando parte do programa AS NOITES DE TEATRO GALEGO, organizadas polo Concello de Santiago, en maio de 1983, na Aula de Cultura, escenifícanse as obras “O escolante”, de Nello Saito, e “Un ollo de vidro”, versión teatral de “Memorias dun esquelete” de Castelao, esta última con carácter de estrea. Estas dúas pezas foron representadas en Eibar, o día 20 de dito mes, dentro do programa de festexos organizados pola Comunidade Galega de dita cidade de Euskalerría, en celebración do Día das Letras Galegas.
O día 13 de maio de 1984, sobe ó escenario da Sala “Luís Seoane”, da Coruña, a montaxe colectiva da obra titulada “¿Que queredes, pitos cairos?” con escenografía de Xosé A. de la Fuente. Farsátira en seis “sketches”, que tratan da política, educación, cultura, contracultura e , como non, de telekultura, todo mesturado nun revolto de sainetes, cancións e “gags” encadeados.
XXV ANIVERSARIO
E chegou o ano 1985 e con el o VIXÉSIMO QUINTO ANIVERSARIO DA FUNDACIÓN DO TEATRO DE CÁMARA DITEA. En recoñecemento ó seu digno e dilatado labor a prol do teatro clásico e galego, o Concello concédelle a DITEA a MEDALLA DE PRATA DA CIDADE DE SANTIAGO Ó MÉRITO ARTÍSTICO E CULTURAL.
En conmemoración desta efeméride, convócase o PREMIO “DITEA” de textos teatrais, dotado con duascentas mil pesetas. Resulta gañador Manuel Lourenzo coa súa obra “DEFENSA DE HELENA”, que recolle nun solemne acto celebrado na Galería Sargadelos o día 1º de xullo de 1985.
Sen se concederen a mínima tregua, os do grupo DITEA montarán e estrearán, o día 26 de abril dese ano 1985, a comedia xoco-seria titulada “Guerras do alecrín e manxerona”, do clásico portugués, José da Silva “O xudeo”. A primeira representación tivera lugar o día 26 de abril, na Aula de Cultura.
A data do 15 de marzo de 1996, marca un fito na historia do grupo. Ese día, no Pazo de Raxoi, o alcalde Xerardo Estévez, en presencia do Presidente da Xunta de Galicia e doutras autoridades, imponlle a DITEA, na persoa do seu presidente, D. Manuel San Luís Rey, a MEDALLA DE PRATA DA CIDADE Ó MÉRITO CULTURAL. Logo terá lugar no Hotel Congreso un Xantar de Irmandade, ó que asistiran 187 antigos e actuais membros do grupo, na compaña de numerosos representantes doutros grupos de toda Galicia.
TEATRO RADIOFÓNICO
A actividade do grupo exténdese ó teatro radiado ó seren gravadas e logo transmitidas pola Radio Galega, versións de “Os vellos non deben de namorarse”, de Castalao, “A comedia da oliña”, de Plauto-Iglesia Alvariño, e “A fiestra valdeira” de Rafael Dieste
Seguindo coa dedicación ó teatro galego, DITEA realiza a montaxe de “A lenda de Xoán Bonome”, de Agustín Magán, que inicia a súa andaina polos escenarios de Galicia, despois de ser estrenada no Centro Cultural de Padrón, o día 25 de novembro de 1986. Pola súa sinxeleza, tono humorístico e mensaxe poético-social, esta obra pódese considerar unha verdadeira peza do teatro popular.
“Farsa plautina”, de Agustín Magán, sobre textos de Plauto, estréase no Centro Cultural de Vilalba en 1987, integrándose seguidamente nos CIRCUITOS CULTURAIS da Consellería de Cultura. O poeta grego arremete contra a guerra e a soldadesca dos reinos helenísticos e contra outras sobranceiras figuras de cidadáns, matronas alcaiotas e cortesanas que asoballan a escravos e escravas, personaxes moi queridos de Plauto, pois non en balde houbo de servir el mesmo varios anos como escravo de roda de muíño antes de se meteren en greas de comediantes.
A vella arela de montar unha obra de Shakespeare, vese cumprida o 31 de maio de 1988, coa posta en escena, no Teatro Principal, de “As alegres comadres de Windsor”. Obra divertida, na que interveñen tipos lixeiramente caricaturescos, presididos pola inmortal figura de Falstaff, personaxe rizoso, exuberante e farfallón.
Estréase en abril de 1989, a obra titulada “Naia”, de Agustín Magán, inspirada nun conto do Barón de La Motte-Fouqué. Narración fantástica que trata dos amores entre unha ninfa das augas e un aposto cabaleiro. Ela, náiade dun lago, privada de alma, só pode acadar esta se logra ser amada por un mortal. El , cabaleiro andante, perde a vida tan só pola circunstancia de ser, precisamente, ese mortal. Un romance que aborda o tema eterno da fraxilidade do amor.
O día 18 de abril de 1990, o Teatro Principal de Santiago, volve ser testemuña dunha nova montaxe: “As asamblearias ou se as mulleres mandaren”, de Agustín Magán, sobre textos de Aristófanes. Praxágora, a heroína desta comedia grotesca, provoca un movemento popular entre as mulleres atenienses e aréngaas a se apropiaren do poder e substituír ós homes no goberno da cidade. Mais estas non son quen de pacifica-los ímpetus guerreiros dos homes de Atenas. Polo que se comprometen, baixo xuramento, a privar ós seus homes e amantes de todo trato íntimo mentres non consintan concertar unha paz que poña fin ás guerras na Hélade.
Tras un curto período de inactividade, imposta pola execución de obras de restauración no edificio de San Domingos de Bonaval, no que a Asociación tivo os seus locais, e o seu posterior traslado de domicilio social á planta baixa da casa nº 17 da Rúa do Pombal, DITEA reanuda o seu labor cunha nova montaxe da obra “As asamblearias ou se as mulleres mandaren”, que é reestreada no Teatro Principal de Santiago, o día 21 de outubro do 92. Trala incorporación de novas actrices e actores ó seu reparto, así coma tranformacións na escenografía e na luminotecnia a prol dunha mellor calidade de montaxe.
O 1º de xaneiro de 1993, DITEA houbo de lamenta-lo pasamento do seu presidente, Manuel San Luis Rey, quen durante vintedous anos rexíu con total entrega
os destinos da Asociación, velando en todo momento polo seu engrandecemento e a súa máis digna traxectoria artística. Posteriormente faríase cargo da presidencia Ángel Rodríguez González, que viña ocupando a vicepresidencia.
No Teatro Principal ten lugar, o día 19 de febreiro de 1993, a estrea da obra “A raiña Lupa”, orixinal de Manuel Vidal Rodríguez, en versión galega de Agustín Magán. Drama histórico acerca das orixes de Compostela, escolmado por mor da súa temática xacobea para ser representado durante a celebración do Ano Santo Compostelano, dentro do programa de actos do Xacobeo 93. Trátase dunha síntese dramática que recolle os ecos da tradición sobre a raíña Lupa e a predicación do Apóstolo Santiago en Galicia e o traslado dos seus restos mortais desde Xerusalén a Iria Flavia, entrelazando os feitos reais con algúns personaxes episódicos e miudezas da invención, sobre todo no que se refire ó encontro das civilización celta, romana e cristiá, a través dunha trama amorosa.
O escenario do Teatro Principal volve a se-lo lugar elexido para unha nova estrea: a de “Don Xoán”, capricho dramático de Agustín Magán, sobre textos de Tirso de Molina, Molière e Alexandre Pushkin, efectuada o día 19 de febreiro de 1994. Un soño de donxoanía interpretado polas internas do Colexio dos Tres Arcanxos. Conta esta obra coa particularidade de que tódolos personaxes, masculinos e femininos, están encarnados por mulleres agás as figuras espectrais dos respectivos doanxoáns das obras dos devanditos autores e os doutros dramaturgos que escribiron sobre este tema do sonado Burlador.
Co gallo do Día Mundial do Teatro, o grupo DITEA participa na posta en escena da obra “Os aprendices de Bruxo”, do sueco Lars Kleber, montada polo Centro Dramático Galego e interpretada, nos seus principais papeis, por doce directores do teatro profesional galego, baixo a dirección de Agustín Magán. Esta función tivera lugar no Teatro Principal o día 27 de marzo de 1994. Trala representación, foran entregádo-los “Premios Compostela de Teatro”.
O día 22 de xuño de 1995, na casa da Cultura de Vilagarcía de Arousa, ten lugar a primeira función da obra “Beiramar”, drama mariñeiro de Armando Cotarelo Valedor que logo sería reestreada na Aula de Cultura de Caixa Galicia en Santiago, o día 2 de outubro dese mesmo ano. En “Beiramar” dáse o drama en tódala súa extensión. Un vento tráxico penetra situacións e persoaxes, ó situar ó espectador no plano de testemuña acongoxada dos feitos. Quizás sexa a primeira traxedia galega concebida en forma realista.
O interese espertado no público con ocasión da súa estrea en Vilagarcía, motiva outra función, que ten lugar en Vilaxoán, , localidade mariñeira na que Cotarelo situou a acción do seu drama´, esta vez por encargo do Concello
Despois de varias representacións por diferentes vilas e cidades de Galicia, o día 8 de marzo de 1997, vólvese a representar a obra “Beiramar” en Vilafranca do Penedés (Cataluña) dentro do Concurso de Teatro do Penedés despois de ser seleccionado entre 64 grupos de todo o estado.
O día 30 de abril deste mesmo ano, dentro dos Premios María Casares que convoca a Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena, o Director Agustín Magán recibe o premio de Honra “Marisa Soto” pola dedicación de toda unha vida ó mundo do teatro.
O día 26 de maio, unha representación do grupo desplazase a Vilafranca do Penedés para asistir ó acto de clausura e entrega de premios do Concurso de Teatro, onde DITEA acada o Primeiro Premio ó mellor espectáculo, a mellor dirección que recaeu en Xan Casas e mellor actor secundario Francisco García Grela pola posta en escena da obra “Beiramar”.
Dentro do programa Galicia Terra Única da Xunta de Galicia, o grupo estrea na Fonsagrada a día 12 de xullo de 1997 a obra “Terra Baixa” de Ángel Guimerá en versión de Agustín Magán e baixo a súa dirección. Auténtica e ben artellada traxedia rural dos campos e ambientes cataláns con alcance e proxección mundiais. No seu conxunto, Terra Baixa conserva a forza e a potencia humana dos seus personaxes, a conxénita e natural poesía dos mesmos e a súa maxistral “carpintería teatral”.
O día 5 de decembro no Salón Noble do Pazo de Raxoi, Agustín Magán Blanco ( fundador, director e autor teatral do Teatro de Cámara DITEA), recibiu do Alcalde de Santiago, D. Xerardo Estévez, a Medalla de Prata da Cidade ó Mérito Cultural.
Despois do falecemento, o 2 de abril de 1998, do fundador, director e autor teatral do grupo D. Agustín Magán, que durante 38 anos estivo ó frente do mesmo, suspéndense os ensaios da obra “A Pousada de Petra Cotón” de Agustín Magán e que el mesmo dirixia, e vólvese á representar a obra “Terra Baixa” no Auditorio Municipal de Narón o día 16 de maio.
Co fin de continuar coa laboura teatral, a Asemblea Extraordinaria da Asociación de Teatro de Cámara DITEA celebrada o día 2 de xullo, acorda nomear a Alberte Álvarez Escudero, ata entón membro directivo,actor e adxunto á dirección, como novo director do grupo, dada a ampla traxectoria que levaba da man de D. Agustín Magán.
O día 18 de decembro de 1999, estrea no Colexio Público de Dodro a obra “M´Gambia” versión libre sobre textos de Agustín Magán.
Os días 11, 12 e 13 de maio do 2001, DITEA rinde homenaxe a D. Agustín Magán coa colocación dunha placa no cemiterio de Boisaca e coa estrea da súa obra “A Pousada de Petra Cotón” que ten lugar no Teatro Principal de Santiago. Obra inspirada na Román Comique do clásico francés Paul Scarron. Comedia grotesca onde a retranca, a parodia cos seus xogos de contraste e a chiscadela ó espectador aparecen a cotío nesta peza singular. O deseño escenográfico e os decorados foron obra do pintor ferrolán Vazquéz Castro.
Arestora, DITEA vén de cumpri-lo cuadraxésimo segundo aniversario da súa fundación o día 17 de xuño de 1960.
Corenta e dous anos poden ser poucos na vida do home, pero son moitos de existencia e de permanente actividade para unha agrupación artística que ten que loitar arreo, día a día, con atrancos de toda caste, sen máis medios cós dunha xenerosa entrega e enraizada afección dos seus moitos colaboradores a través dunha moi longa vida.
Hoxe en día, o grupo conta cun estimable patrimonio, constituído por numeroso vestiario, decorados, equipos de luminotecnia e amplificación, utillaxe, biblioteca e discoteca, todo iso mercede ó desinteresado labor dos seus compoñentes e ás axudas recibidas da Xunta de Galicia, do Concello de Santiago e mesmo de particulares.
Aquela extensa nómina de membros de DITEA, rexistrada aquí ó finaliza-los primeiros quince anos, viuse enriquecida coa incorporación de novos colaboradores que, a carón dos veteranos, viñeron a aportar novas seiva e ideas. Velaquí a súa relación:
Alberte Álvarez (actor, escenógrafo, director e directivo).
Xosé A. Fernández, Xosé Villamayor, Manuel Méndez, Xosé Vázquez, Antonio Lorenzo, Xavier Otero, Xoan Regos, Gabriel Vieites, Xulio Mirelis, Óscar Quintana, Bernardo Pena, Evaristo Pereira, Xesús Seage, Francisco X. Posse, Xosé M. Rey, Alfredo González, Xoán Casas (tamén escenógrafo e adxunto a dirección), Orzo Rodríguez, Miguel Alcaraz, Antón Fernández (tamén escenógrafo), Miguel A, Abraldes, Damián Vázquez, Xosé Guerra, Xosé M. Antelo, (tamén técnico) Xosé M. Vázquez, Francisco Lago, David, Álvarez, Xosé Castro, Fernando López, Adolfo Muíño, Miguel Collazo, Fernando Arcay, Urbano Briones, Xosé Salgueiro, Martín González, Agustín Iglesias, Xavier Muñoz, Santiago Pintos, Raúl Giraldo (tamén escenógrafo e técnico), Xaquín Lorenzo, Francisco G. Grela, Santiago Cortegoso, Roberto Budiño, Antón Sánchez, Antón Ramos, Marco A. Novelle, Xaime Sebio, Xesús Costa, Xavier Villasenín (tamén técnico), Xabier Turnes e Xacobo Prieto todos eles actores.
Georgina Torres, María Rodríguez, Pilar Feáns, Irene López, Ana Mª Rodríguez, Rosa Lamas, Marisol Barral, Mª Rosa Bermúdez, Carmen Cociña, Estrela Amigo, Montserrat Nieto, Teresa Casete (tamén atrecista), Rosa Portela, Mariluz Míguez, Isabel Boga, Celeste Pérez, Mela Casal, Mónica Montero, Manuela Ferraces, Susana Ríos, Pilar Paredes, Melania Gómez, María Gómez, Lidia Queipo, Rosa Fernández, Carmen Rey, Beatriz Martínez, Mireia Lareo, María Estévez, Paula Carreira, Berta Pérez, Concha Segade e Martina Martínez na súa condición de actrices.
Xosé M. Rodríguez, Manuel Ferrás, Emilio Villa, Teresa Lorenzo e Carme Pardiñas, como integrantes do equipo técnico.
X. Vázquez Castro como escenógrafo.
E outros colaboradores que non nomeamos por mor de non facer interminable esta relación.
Algo máis de catro décadas de existencia e un balanzo de setenta e cinco montaxes de diversa temática, converten ó grupo de Teatro de Cámara DITEA na compañía máis antiga e máis activa do teatro galego.
E DITEA segue...
LA VOZ DE GALICIA
Xoves 9 de Outubro de 2008
TEATRO AFICIONADO
Una comedia policíaca
En Caranza
9/10/2008
El ciclo Domingos a escena llevará este fin de semana al centro cívico de Caranza la obra Aquí cheira a morto , una comedia policíaca que parte de la premisa de que a veces es más difícil demostrar que uno no es un asesino que el propio acto de asesinar. Sobre el escenario, los actores del grupo Ditea -metidos a criminales, sospechosos, policía y víctima- intentarán arrancar risas y sonrisas al respetable.
Publicar un comentario