Acabouse o “Premio do publico”

Esta foto pode ser a ultima  que se fai da entrega de premio de "Domingos a Escena", a un grupo de teatro afeccionado, no teatro Jofre de Ferrol.
O Concellal de Cultura do Concello de Ferrol Sr. Reyes, anuncia que o “Premio do Publico” que se viña entregando dende ai catro anos, non se vai  facer nos vindeiros anos.

Proximo Ciclo DAE XIII

O teatro prende ou non prende, pero non o fai ó chou, en terreos ermos, sen abono, sen coidados ou aloumiños pois nin é semente de airío nin medra entre os croios do río. Os que levamos moitos anos sachando nos eidos teatrais sabemos que de non conseguir unha fertilización rica en conexión co público e unha transmisión de  valores  coincidentes  cos intereses da  maioría dos asistentes o fracaso de calquera mostra está  asegurado. Os Domingos a Escena, ademais de prenderen dez anos seguidos, botaron flor, dez flores xenuínas, auténticas  e singulares  cun arrecendo esparexido por toda Galiza para alimento anímico, bandeira  e símbolo anunciador  de que o teatro afeccionado tamén ten  o seu santuario: Caranza.
  Alí, cada Domingo dende setembro a Abril do ano seguinte, os actores e actrices deixan no escenario os seus mellores esforzos dramáticos  para ser repartidos entre un público  apaixoado .O espectáculo comeza  por observar  como se lanza  o público, ás carreiras, para  poder  ocupar as  butacas no intre en que se abren as portas da sala; resulta  tan emocionante  como presenciar  un reencontro entre amantes necesitados de se abrazar.
Estas eran as palabras de Francisco Piñeiro no X Ciclo de Domingos a Escena.


Despois de 12 anos en Caranza, cumprindo tódolos domingos, e facendo que os “Domingos a Escena”, foran a mais cada ano, cousa que iamos conseguindo pouco a pouco, chega a hora de deixar a organización por mandato do Sr. Concellal de Cultura, e pasar o testigo a outro grupo.

Unha vez mais, unhas Entidades Culturais de Ferrol, neste caso os Grupos de Teatro Afeccionado, vémonos obrigados a convocar unha Roda de Prensa para denunciar a intransixencia e falta de diálogo do Concellal de Cultura de Ferrol, co cambio que pretende dar á organización do Ciclo de Teatro Afeccionado "Domingos a Escena".
O Concellal, dunha forma unilateral e arbitraria e sen contar co colectivo de Grupos de Teatro Afeccionado de Ferrol, encárgalle a coordinación do Ciclo 2012-2013 ao grupo Ti e mais eu Teatro, que non ten boa relación con ningún do resto dos grupos, e cuias Bases non son válidas para cumprir os obxectivos que estaban marcados dende o primeiro Ciclo:
-        Participación de todos os grupos de Ferrol
-        Apoio aos grupos do resto de Ferrolterra
-        E aproveitando o Circuíto Cultural da Deputación da Coruña e dos Ciclos organizados pola FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) patrocinados pola Xunta de Galicia, enriquecer a programación coas mellores propostas do resto da Provincia e da comunidade galega.
Os grupos de teatro, abaixo asinantes, despois de varias reunións, acordamos o seguinte:
1.- Facer un chamamento á Concellaría para que reconsidere a súa decisión.
2.- No caso de que esa decisión non se reconsidere, estes grupos de teatro, acordaron por unanimidade, non participar non vindeiro ciclo de Domingos a Escena.
3.- Solicitar, novamente, unha entrevista co Alcalde (hai mais dun mes que se lle solicitou e non tivemos resposta) para transmitirlle as nosas inquedanzas.
4.- Estamos convencidos que estes cambios na organización poñen en peligro a continuidade, no futuro, do Ciclo de Teatro “Domingos a Escena” que dende hai 12 anos ben funcionando con un grande éxito de público e un recoñecemento, por parte de todos os grupos participantes, como o ciclo de teatro afeccionado mais importante de Galicia.
 Grupos asinantes:
MAX Teatro, BARTOLETA Teatro, OQUETIQUEIRAS Teatro, TREMOIA Teatro, Teatro N+1, CRUCÍA Teatro, O MAXOLO Teatro, Teatro AMISTADE e Teatro ASCM.
                                                                                   Ferrol a, 11 de Xullo de 2012

13 Maio - Premio do Publico


O próximo Domingo dia 13 de Maio, o grupo de teatro, "A Pombiña" de Pedroso-Narón, presenta no teatro Jofre de Ferrol, as sete da tarde a obra "Rosenda, unha criada indecente", gañadora do "premio do Publico", do XII Ciclo de Teatro afeccionado, "Domingos a Escena", do Concello de Ferrol.
Lembramos que a entrada é gratuíta.
Recollida das invitacións no Teatro Jofre en horario de martes a venres de 11.00 a 13.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas.
Os días de función ata o inicio da mesma.
Sábados, domingos e festivos de función, o mesmo horario.
Teléfono: 981 944 245

Domingos a Escena 2012

Carta aberta de Francisco Piñeiro González, escritor, director e actor do Grupo de Teatro “O Bordelo”  de Cervo-Lugo

DENOMINACIÓN DE ORIXE: Domingos a  Escena
                                                                                            Caranza, Ferrol.
                                                                                            
        Nos tempos que corren,  moito é de agradecer que aínda existan e resistan esforzados teatrocultores  dispostos a  dedicar, de forma altruísta e desinteresada, incontables horas das súas vidas  á crianza,  conservación  e  divulgación  do único licor artístico capaz de transformar  a cruda  realidade  da vida cotiá noutra virtual   máis xusta, agradable e levadeira con só percibir o arrecendo do seu espírito, chamado teatro.
       Entenderá  ó lector  que a adquisición  de   tal capacidade de diferenciación  sensorial  supón un grande  sacrificio e aprendizaxe  pois incluso D. Álvaro Cunqueiro,  famoso  dramaturgo e  catador  de pócimas e  beberaxes,   advirtía que habendo dúas mazás , unha  real e outra imaxinaria, a dificultade non  estaba en distinguilas senón en saber cal das dúas desprendía mellor aroma.
        O teatro é planta celmosa que medra por entre os sentires da xente. Existen tantas  especies  diferentes como procederes  pero sen dúbida a  Oportuna ocasionalis ,coñecida vulgarmente como herba do arrime ou falsa querencia, posúe tal adaptación ás conveniencias  que de non haber quen a desmeste  podería chegar a ser endémica. Pola contra  a  Estima incondicionalis, moito máis escasa e delicada  nace vestida de  verde  esperanza , enraíza e medra  bebendo púcaros de morna amizade, ambrosía dos amigos sinceiros que falan con feitos, calando as palabras.
               A pesares da miña  dilatada experiencia de máis de vinte anos semeando e cultivando  teatro direilles, en confianza,  o  abraiado    que quedei  ó descubrír  o meritorio santuario teatral de Caranza onde  o público : nenos, mozos e vellos,  acadou a habelencia e sabedoría  de saber aprezar e distinguir  os  aromas  da Estima incondiconalis , herba  verdadeira e soñadora  da que se alimentou dende sempre ó teatro verdadeiro  e a entrecoller aquelas herbas enguedellentas que lle son perxudiciais Créanme; todo canto lles conto é certo.  Quen llo dixera a Cunqueiro!
       Nos adentros do Centro Cívico de Caranza, en Ferrol, levan doce anos, en silenzo e con paciencia, apoiando o esforzo dos teatreiros da maior parte de  Galicia para que non decaian nin abandoen o cultivo  das súas propias cepas escénicas, mananciais autóctonos das expresións e sentires da alma dos pobos. Sen desmaio, ano tras ano, desde a caída das follas ata o sorriso das flores, tódolos domingos ás sete da tarde, tal fose un ritual relixioso, o prior Yuyi Bastida arroupado dos seus incondicionais acólitos  invocan e convocan ó público de Ferrolterra que  armado de calurosos  aplausos acode presto e disposto a escorrentar calquera praga ou ameaza enviadas pola historia  para apedrar o   celmoso froito ofrecido sobor das táboas do escenario.
        Ano tras ano, destilaron pinga a pinga , sen desmaio, o prestixio do teatro afeccionado,  acadaron o respecto das distintas administracións que no transcorrer dos tempos  apostaron e  apoiaron   ó certame teatral , conseguiron a admiración dos grupos participantes, razóns  máis que suficientes  para  que o evento perdure nos vindeiros tempos  , sen discusións nin miramentos. 
     Na confianza  de que tal desexo sexa certo, dende A Mariña luguesa, norde  da  terra galega , este humilde amante do teatro ,  brinda cun  aroma Caranza  de  doce anos  ó tempo que  pide  para os Domingos a escena unha sentida homenaxe  no que o teatro afeccionado  lle outorgue e  conceda a   ben merecida denominación de orixe.
  
                                       Francisco Piñeiro González.

Clasificacion Premio do Publico DAE XII

Posición final dos Grupos de Teatro participantes no XII Ciclo de Teatro Afeccionado,
 "Domingos a Escena" 2011-2012
Concello de Ferrol, Abril 2012