Premio do Publico DAE XI

Dende DAE queremos facer pubrica, unha carta aberta de un dos directores, dun grupo que pasou por "Domingos a Escena".



Domingos a Escena

Paraninfo do teatro afeccionado

Francisco Piñeiro González



Caranza, o Paraninfo do teatro afeccionado galego volveu a falar. Digo Paraninfo, con maiúscula, e digo ben porque nas súas orixes, onde se atopan as verbas sen reviravoltas, paraninfo significa Padriño. Sobran uns segundos de reflexión para decatarnos que nos tempos de hoxe non quedan padriños capaces de aturar vienteoito domingos do ano a outros tantos afillados esparexidos pola xeografia galega e por riba cada un deles fillo de distinta nai.

Sabido é que un bo padriño medra con só senti-la presenza dos afillados , recibindo a todos , sen exclusión, cun sentimento de amor, é dicir, por “afección” mais poida que os afillados, absortos cada un na nosa ínfima vanagloria, non saibamos agradecer como se merece tanto esforzo e altruísmo co risco de que, trocando o significado de “afección” por outro que fai referencia a unha “enfermidade ou alteración morbosa ”, camiñemos sen remedio cara a disgregación familiar e cara ó noso fracaso como colectivo teatral. Os humanos, en xeral, e os “artistas”, en particular, somos especialistas en matar as galiñas dos ovos de ouro. Non acabamos de entender que o endego, o ovo do aniñadoiro, nunca debe desaparecer

Co firme desexo de contribuír a que os Domingos a Escena perduren nos tempos como emblema e semente de “amor polo teatro”, eu, con máis de vintecinco anos de altruismo teatral como autor, director, actor e promotor, síntome na obriga de manifestar a través destas letras o meu apoio á continuidade de Domingos a Escena, o meu aplauso a Yuyi Bastida e a todos os membros da organización, (Max Teatro), asi como ás entidades que arrouparon e arroupen no futuro a este evento único na nosa terra.

E xa postos a aplaudir, permítanme aproveitar esta ocasión para felicitar ós gañadores e a tódolos participantes e, como non, ó público, o gran protagonista pois sen el nada somos.

“Unha das causas dos fracasos máis notables no teatro consiste en non saber darlle ó público o que quere e, por suposto, a falta de consideración ó público, como parte fundamental da comunicación teatral, sempre leva ó fracaso”

Personalmente quero agradecer públicamente o cariño e o afecto que dende hai anos recibimos do público de todo Ferrolterra, especialmente do público de Caranza, quen cos seus aplausos decidiu libremente manter nos cumios da clasificación por terceiro ano consecutivo ó grupo de teatro “ O Bordelo” de Cervo, na Mariña Lucense, un colectivo que facendo honor ó seu nome nunca tivo nin terá ansias competitivas posto que abordelar significa axudar a tirar do carro da cultura tal como o levamos facendo en máis de cincocentas actuacións polos escenarios de Galicia e Asturias nos nosos trece anos de andaina. O demais son adobíos, caramelos para adoza-la festa e na miña terra hai costume de decir que mentres pretendemos pilla-lo sol para quentarnos a nosa propia cara esquecémonos de que a luz do candil se nos apaga.

Domingos a Escena xa conseguiu o grande reto do teatro que é convertirse nun referente na vida comunitaria, ocupar un lugar entre a cidadanía. Caranza non é un simple auditoro é un lume comunitario. Todo grazas ós padriños. A historia do teatro afeccionado ten a obriga de escribir Caranza en letras de ouro e nós, os afillados, debemos collernos das mans e cunha soa voz decirvos : Mil grazas, padriños!

Gracias a tí Paco, e a todo o grupo de teatro "O Bordelo".


Esta carta aberta para a súa publicación nesta paxina, fai que dende Max Teatro, sigamos mantendo esas gañas de traballar polo Teatro Afeccionado en Ferrol, no XII Ciclo de Teatro Afeccionado "Domingos a escena", no cal xa estamos traballando.

Ningún comentario: